Opinións do libro «A agonía das folerpas»

A agonía das folerpas é unha novela negra publicada pola Editorial Galaxia e que está dispoñible en calquera libraría tanto galega como do resto de España, e tamén se atopa accesible a través de diferentes páxinas webs, para os que gusten máis das compras na rede.

Premio de Novela da Galicia Rural

O libro recibiu por unanimidade o Premio de Novela da Galicia Rural 2022.

Oxurado do premio destacou «que se trata dunha obra que non só cumpre, formal e tematicamente, coas bases, senón que vai moi acorde con propostas literarias actuais: capítulos breves, ingredientes de novela negra, saltos temporais, diálogos críbeis…».

Sinalaron tamén que «estamos ante unha novela que non nos deixa indiferentes, cunha temática suxerinte e con bo ton, que anima á súa lectura dunha sentada».

Argumento da novela

O argumento da novela xira arredor de Salgueiro, unha aldea do sur de Ourense, moi preto de Portugal, que leva décadas abandonada.

A súa propietaria, a Xunta de Galicia, decide convertela nun complexo turístico. En pleno Parque Natural do Xurés, e afastada de todo, é o enclave ideal para descansar. Ou para que un asasino en serie enterre as súas vítimas.

Unha noviña xornalista chega por casualidade ao lugar. O que en principio é un achado arqueolóxico, convértese nun suceso que revoluciona a actualidade informativa.

A agonía das folerpas xunta todos estes ingredientes e, sobre todo, as vidas dos seus protagonistas. Tres seres solitarios que buscan, cada un ao seu xeito, evadirse dunha existencia baleira. Tres persoas que non semellan encaixar e que, non obstante, acaban formando equipo co obxectivo de descubrir que esconden as mortes de Salgueiro.

Que opinan os lectores de Agonía das folerpas

A obra leva pouco na rúa, pero os que a leron indican que engancha, que o argumento lles resultou atractivo e que a lectura é moi sinxela, leas en galego habitualmente ou non.

Velaquí algunhas das opinións dos lectores:

«Paso as páxinas desfrutando do realismo e detallismo das escenas sobre as que se constrúe a trama desta novela de asasinatos que engancha e mantén a tensión con bo ritmo; congratúlome da súa evocación do rural (en realidade de varios ‘rurais’ de distintos tempos) e gozo (ou enfádome, todo depende) con personaxes que rapidamente se nos fan familiares e próximos, tanto polos seus actos como polo magnífico modo no que o autor constrúe a súa caracterización, interaccións e diálogos. (…) unha das mellores lecturas (e recomendacións persoais) do 2022». Lectureo

«A agonía das folerpas non ten un ritmo frenético, pero é unha novela que non podes soltar e saboreas cada momento da acción narrativa acompañado coas descricións da beleza (e a crueldade) do rural. Porén, cando se aproxima o desenlace, prodúcense varios xiros que levan a un final cheo de acción». El Hormiguero de Libros 

«Empeceino e non dei parado ata acabar as 413 páxinas… Como llelo conto!». Anxo G. G.

«Encantoume, sorprendeume, cantos lugares comúns e que escritura tan marabillosa. 100 % recomendable». Patricia V. R.

«Moi boa! Pareceme incrible que sexa a sua primeira novela, está a moi bo nivel». Felipe D. M.

«Rematada e encantoume. Tema, persoaxes, ambientación, banda sonora, … todo fenomenal. Vale a pena lela. Óscar, sigue escribindo historias así». Fran J. V.

«A min tenme enganchadísima». C. Pereira

«Lina coma se bebese auga e sen ter que ir ao dicionario da RAG. Parabéns. Si que engancha». Juan Carlos M.

«Enganchado á novela A agonía das folerpas! Unha novela de intriga e asasinatos no #Xurés! Máis concretamente en Salgueiro (#Muíños)! Moi recomendable!». Xavier

Cal é a opinión da novela doutros escritores e críticos

Recollemos as impresións doutros autores do libro A agonía das folerpas:

«Hai que ter moito talento e dedicación para construír unha primeira novela tan divertida, con tantos personaxes e unha trama con tanta adicción. Lédea. E que ninguén perda de vista a este autor!». Antón Riveiro Coello.

«Esta proposta supón a afortunada estrea como narrador de Óscar Reboiras onde nos ofrece unha mostra de noir rural adobiado con ecos de reflexión sobre as redes de poder, o patrimonio, a corrupción e a propia historia co pano de fondo de revitalizar un espazo existente no Xurés como é a aldea de Salgueiro. Articulada en dous planos temporais ben definidos, unha xornalista será quen de resolver un caso no que hai tamén unha suxestiva presenza da histórica organización secreta «Carbonária». Ramón Nicolás

«A vida comuniatria, os traballos sindicados e a defensa colectiva dunha forma de vivir, son o alicerce no qeu se crece un relato que, ao tempo, nos presenta a unha serie de personaxes contemporáneas á procura dese bafo que lles dea folgos nas súas vidas baldías. A perfecta dosificación da trama desvela a un autor ao que convirá seguir a pista». Manrique Fernández.

«Déixanos unha novela que se le moi ben, moi amena, que se le moi ben(…). No rural pasan cousas e no rural vive xente interesante. Eu creo que isto é a achega máis intelixente desta novela, centrar non tanto no que senón no quen, nas persoas que habitan o rural». Dolores Vilavedra.

«Reboiras sorprende co seu dominio do ritmo, e a través de períodos curtos, saltos temporais e lingua sinxela, que non pobre, consegue facer da fluidez a característica clave dunha obra tan extensa, de xeito que avanzamos sen decartármonos, apreixados por unha lectura divertida e cunha trama tan adictiva». Pilar Ponte.

«No plano do pasado ficaron conceptos como éxodo, desterro ou abandono, deixando, de xeito sistemático o lar natal, o medio de subsistencia e os lazos grupais da comunidade. No plano do presente, termos como especulación, intriga ou ocultismo -que se vale do silencio e da manipulación informativa- condicionan as costuras dun relato marcado por intereses económicos e relacións de poder». Xoán Carlos Domínguez Alberte.

«No noso xuízo hai un tipo de lectura, unha focalización lectora desde cal gaña moito este romance, primeiro do autor. Trátase da mentira das aparencias, é moi vello iso de que as aparencias enganan, mais aquí vén moito a conto porque detrás do que parece sempre está o que é, tanto nas personaxes como nos feitos. O cal non deixa de ser convite para unha lectura activa». Xosé Manuel Eiré Val.

Que opinan as librarías de A agonía das folerpas

Velaquí as valoracións que atopamos da novela por parte das grandes profesionais que son as libreiras e os libreiros.

«É unha novela fresca e que recomendamos e recomendaremos. E que ademais é un pelotazo«. Libraría Moito Conto da Coruña.

«É unha novela impresionante, cunha mestura de misterio, intriga e sensacións máis que aditivas». Celia Fernández, responsable de la librería Espazo do Lector Nobel de Ourense 

«(…) tirará de ti como a atracción dese pozo sen fondo. (…) Sente o peso da caída, do misterio, da loita e o descubrimento na A agonía das folerpas”. Libraría Cartabón de Vigo.

Publicado por Óscar

Aínda que agora vivo na Coruña (cousas do traballo e da vida), son rianxeiro de pro e, como tal, gozo das festas da Guadalupe, das camiñatas polo paseo marítimo e da festa ata as 11 da mañá, son dos que canta "Para o ano 15 días" e dos que presume de vila e de xentiña. Gústame a fotografía, ler e escribir.

Un comentario en “Opinións do libro «A agonía das folerpas»

  1. «Veño de rematar a lectura do libro. En xeral gustoume, penso que sabe manter a tensión ó longo de toda a novela. A trama engancha, a información que se recibe vén adecuadamente dosificada e a linguaxe que emprega é asequible e axeitada.
    Creo que está máis traballada a historia actual. Botei en falta un maior desenrolo da trama da aldea de Salgueiro. Creo que lle acaían ben uns cantos capítulos a maiores, hai aspectos que non se tocan: a actuación de Garda Civil, por exemplo (despois de varios crimes nun entorno moi limitado suponse que actuarían, e moito).
    Onde a novela falla para min é na resolución, na explicación final. Non me resultou convincente. Aínda así, e tendo en conta que é primeira novela do autor, hai que valorala positivamente.»

    Me gusta

Deja un comentario

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar