Libros que lin no 2023

Toca facer balance das lecturas de 2023. Creo que como lector cumprín en cando a número de libros, aínda que non sei se aproveitei as lecturas todo o que debería. Ás veces creo que corro un pouco de máis e debería repousar as páxinas. Con todo, desfrutei moito e teño que confesar que en galego lin moi bos libros. De feito, moitos deles están entre os meus favoritos deste ano.

Volvendo ao principal, este ano lin 52 libros. Apurei ata o final, porque moitas veces ando con lecturas paralelas e o día 30 de decembro rematei un libro e o 31 caeu outro. Considero que as lecturas foron variadas, para non caer sempre na novela negra da que tanto gusto. Deste xeito, pasaron polas miñas mans 5 obras de contos ou relatos, 1 libro de autoaxuda (cof cof), 3 (tristes) ensaios, 8 poemarios, 1 (máis triste aínda) novela gráfica e 34 novelas.

Tiña como obxectivo ler máis libros en galego (22) e tamén obras escritas por mulleres (21) e a verdade é que levei grandes sorpresas para ben e descubrimentos. Comezando por Emma Pedreira, da que non lera nada, e é unha grandísimoa escritora. Ou ben o fantástico libro de relatos de Nazaret López.

Velaquí as miñas lecturas favoritas do ano que remata. O meu top 5 comeza por Almudena Grandes. Comecei a ler La madre de Frankenstein sen demasiadas expectativas, porque ademais tiña na cabeza que a prosa de Almudena Grandes non era do meu gusto. E mira ti por onde que se convertiu no meu libro favorito do ano. A prata vai para Antón Riveiro Coello e o seu Hotel Carioca. Alguén pode dicir que non son obxectivo, que con Antón me move a amizade, pero a súa novela é unha marabilla. Ten unha estrutura moi traballada, unha prosa marabillosa e unha historia que non deixa indiferente. Paso ao terceiro posto, que ocupa Miqui Otero con Simón. Que ben escribe Miqui Otero e que delicia ver como se transforma Barcelona ao tempo que Simón medra, gravitando arredor do Baraja, o bar da súa familia galega. O cuarto posto, aínda que ben podería ser o terceiro, porque as listas dependen de como te levantes, é para Bibiana Candia e Azucre. É unha novela preciosa, cunha historia terrible. Sorpréndeme que se tardase tanto en publicar en galego esta obra, porque para min, aínda que se publicase inicialmente en castelán, é literatura galega, pola sensibilidade, pola forma de pensar, polas descricións… Quen non lese Azucre, xa está tardando. E en quinto posto sitúo a Fabio Rivas con A pintura debida. Fabio é un escritor moi novo que semella levar nas veas o oficio. Marabíllame o que consegue nos seus relatos, o odio, a sorpresa e a carraxe que me producen os finais do que escribe. E a literatura é iso, que te rompan.

Para o 2024, aínda que pareza un contrasentido, desexo ler algo menos. A razón é que quero escribir máis cousas e o tempo é o que é (escaso). Neste 2023 preferín ler antes que escribir. Ler é fundamental, pero escribir cousas propias tamén enche. Polo que vai tocando poñerme as pilas.

Para rematar, velaquí os títulos que se cruzaron comigo nestes meses:

  1. Adams, Douglas: Guía del autoestopista galáctico
  2. Adams, Richard: La colina de Watership
  3. Amado, Manuel: Lorenzo Varela. Vida e escolma
  4. Austen, Jane: Orgullo y Prejuicio
  5. Ballantyne, R. M.: La isla de coral
  6. Bayard, Louis: Los crímenes de la academia
  7. Boileau, Pierre: Las diabólicas
  8. Camilleri, Andrea: La banda de los Sacco
  9. Candia, Bibiana: Azucre
  10. Castaño, Yolanda: Materia
  11. Costas, Ledicia: Ultraluz
  12. Christie, Agatha: Diez negritos
  13. Dávila, Berta: O derradeiro libro de Enma Olsen
  14. De Toro, Suso: Un señor elegante
  15. Fernández, Laura: La señora Potter no es exactamente Santa Claus
  16. Grandes, Almudena: La madre de Frankenstein
  17. Gurt, Carlota: Biografía del fuego
  18. Hettinga, Tjebbe: La luz del mar
  19. Laforet, Carmen: Nada
  20. Llamazares, Julio: Vagalume
  21. López, Nazaret: Pecados veniais
  22. Martín, Ángel: Por si las voces vuelven
  23. Mendoza, Eduardo: El Rey recibe
  24. Mendoza, Eduardo: El negociado del yin y el yang
  25. Mendoza, Eduardo: Transbordo en Moscú
  26. Mola, Carmen: Las madres
  27. Mosconi, Maite: Helheim. Volume 1. Descenso ao abismo
  28. Mosconi, Maite: Helheim. Volume 2. Tambores de revolución
  29. Nakamura, Hikaru: Las vacaciones de Jesús y Buda 1
  30. Oruña, María: Puerto escondido
  31. Otero, Antía: Barroco
  32. Otero, Miqui: Simón
  33. Palma, Félix. J.: Escribir es de locos
  34. Pedreira, Emma: Besta do seu sangue
  35. Pedreira, Emma: Casa de orfas
  36. Pérez Gellida, César: Memento Mori
  37. Pérez, Abraham: O corpo transparente das horas
  38. Rey, Nati: A estirpe do Arcanxo
  39. Rimbaud, Arthur: Una temporada en el infierno
  40. Rivas, Fabio: A pintura debida
  41. Riveiro Coello, Antón: Hotel carioca
  42. Riveiro, Coello: Días de intemperie
  43. Rivero, Pablo: La cría
  44. Salgado, Fernando e Otero, Juan: Papel de estraza
  45. Shelley, Mary: Frankenstein
  46. Solar, María: A culpa
  47. Tibuleac, Tatiana. El verano que mi madre tuvo los ojos verdes
  48. Varios: XIX Certame Literario Concello de Ames
  49. Varios: Sombras á deriva
  50. Vera, Santiago: La última muerte en Goodrow Hill
  51. Verne, Julio: La vuelta al mundo en 80 días
  52. Villar Alonso, Carmen: Os mil e un días

Publicado por Óscar

Aínda que agora vivo na Coruña (cousas do traballo e da vida), son rianxeiro de pro e, como tal, gozo das festas da Guadalupe, das camiñatas polo paseo marítimo e da festa ata as 11 da mañá, son dos que canta "Para o ano 15 días" e dos que presume de vila e de xentiña. Gústame a fotografía, ler e escribir.

Deja un comentario

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar